Estás aquíCara a unha Alianza pola Soberanía Alimentar dos Pobos
Cara a unha Alianza pola Soberanía Alimentar dos Pobos
Grupos e redes en defensa da soberanía alimentar de distintos territorios do Estado español reuníronse o 19 e 20 de febreiro en Vinyols i els Arcs (Tarragona) para avanzar na construción da Alianza pola Soberanía Alimentar dos Pobos. Unhas 50 persoas representantes de colectivos impulsores desta iniciativa en Castela e León, Andalucía, Cataluña, Madrid, País Valenciano, Castela-A Mancha, Euskal Herria, Estremadura, Galiza e Asturias atopáronse para debater sobre os obxectivos e o plano de traballo. En palabras de Paul Nicholson, do sindicato agrario EHNE e da Vía Campesina: "A Alianza pola Soberanía Alimentar dos Pobos que ser un movimento social. Non estamos a facer unha nova organización nen plataforma. Queremos apoiar as actividades que se dan no local, nunca substituír, e construír unha proposta política de acción en torno á soberanía alimentar a medio e a longo prazo". O encontro serviu para intercambiar experiencias, dotarse dun marco de coordenación e de traballo estatal, salientando a autonomía local, e acordar algunhas temáticas chave como a luita contra os transxénicos ou a Política Agraria Común (PAC), entre outros temas, á vez que se asumiron algunhas datas importantes de mobilización como o 17 de abril, xornada internacional de loita labrega, e un próximo encontro no inverno de 2010.
Un movemento desde a base
Desde o seu lanzamento a finais do 2008, no 6º Foro por un Mundo Rural Vivo organizado por Plataforma Rural, fóronse criando, aos poucos e con ritmos distintos, redes e espazos en varios territorios do Estado español co obxectivo de construír esta alianza de "abaixo a arriba". Uns marcos de traballo que en cada lugar se dotaron dun modelo organizativo propio e estableceron unhas prioridades en función das súas realidades locais, aínda que hai un elemento común: todos comparten a vontade de sumar nun mesmo espazo a campesiñado, grupos de consumo, ecoloxistas, ONGs, feministas, colectivos de comercio xusto, apostando pola criación de solidariedades entre o campo e a cidade e pola construción da soberanía alimentar desde o local. Pero, cais son as perspectivas de futuro deste proceso? O propio lanzamento desta iniciativa é un paso adiante para consolidar a construción de redes a favor da soberanía alimentar. Así mesmo, o peso dado ao traballo e á coordenación local é fundamental para a consolidación e o arraigamento dunha iniciativa destas características, pero sen esquecer a coordenación estatal e a perspectiva global que dá o marco da Vía Campesina. Outro elemento é a vontade de criar movimento social apoiando iniciativas xa existentes, como marcos de traballo e intercambio entre produtores e consumidores. É necesario un movimento social, amplo e combativo, centrado na mobilización a favor da soberanía alimentar, nun contexto de crise alimentar global e de empobrecimento do campesiñado familiar tradicional, dando un peso específico ás achegas feministas, xa que a loita pola soberanía alimentar, visto o papel da muller no campo e no sistema alimentar, requer dunha perspectiva antipatriarcal. Outro reto é a coordenación tanto territorial, entre os distintos núcleos, como sectorial, entre as redes que participan na Alianza (ecoloxistas, comercio xusto, mulleres, campesiños, consumidores), establecendo converxencias con outros movimentos sociais. As resistencias a favor da soberanía alimentar dos pobos no Estado español comezaron a dar os seus primeiros pasos, pero queda moito camiño, discusións, debates e achegas.
A primeira semente : Nyéléni
Este proceso enmárcase no chamado internacional da Vía Campesina a criar redes rexionais a favor da soberanía alimentar. Esta proposta surxiu do Foro Internacional pola Soberanía Alimentar celebrado en febreiro de 2007 en Mali, a través da declaración de Nyéléni (chamada así en honra a unha labrega maliana). Un foro no que participaron máis de 500 representantes de máis de 80 países, organizacións campesiñas, pescadores e pescadoras ou movementos sociais e que foi impulsado pola Vía Campesina, xunto con outros movimentos sociais como a Marcha Mundial de Mulleres e o Foro dos Pobos Pescadores, entre outros.
Esther Vivas
Publicado en Diagonal










