Estás aquíA Comisión Europea autoriza o cultivo dunha pataca transxénica perigosa
A Comisión Europea autoriza o cultivo dunha pataca transxénica perigosa
Amigos de la Tierra, CECU, COAG e Greenpeace denuncian que este tubérculo de BASF podería incrementar a resistencia aos antibióticos.
Unha das primeiras decisións da nova Comisión Europea foi autorizar hoxe un cultivo transxénico, o primeiro desde 1998. O Comisario de Saúde e Consumidores John Dalli, de acordo co Presidente Barroso, deu a autorización a través dun procedemento que evita o debate do Colexio de Comisarios.
Esta pataca transxénica, coñecida como Amflora, foi desenvolvida pola compañía agroquímica BASF e contén un xene que a fai resistente a determinados antibióticos. Por esta razón, Amigos de la Tierra, CECU, COAG e Greenpeace advirten que este cultivo supón un risco inaceitábel para a saúde das persoas, os animais, e o ambiente.
Parece incríbel que a primeira decisión da Comisión sexa autorizar un cultivo transxénico tan perigoso. En seis anos, Barroso non puido ocultar as evidencias científicas que cuestionan a seguranza da pataca transxénica. A nova Comisión tomou esta grave decisión sen un debate con todos os comisarios; o novo comisario Dalli, cuxa misión é protexer aos consumidores, adoptou unha das súas primeiras decisións sen considerar nin a opinión pública nin a seguranza co obxectivo de compracer á maior empresa química do mundo.
A Organización Mundial da Saúde e a Axencia Europea do Medicamento advertiron da importancia dos antibióticos afectados pola pataca Amflora (1). A presenza da pataca de BASF nos campos podería aumentar a resistencia de determinadas bacterias a antibióticos imprescindíbeis en tratamentos contra a tuberculose. Resulta especialmente rechamante o feito de que se deron desacordos sen precedentes en varias avaliacións deste tubérculo (2) até na protransxénica Axencia Europea de Seguranza Alimentar.
Ademais, a maior parte dos países integrantes da UE opuxéronse á autorización, ante o que as organizacións asinantes esixen aos Estados membros que prohiban o cultivo desta pataca no seu territorio.
A medicina está cada día máis preocupada pola resistencia a antibióticos. En 2001 adoptouse unha lei europea que requiría que os xenes de resistencia a antibióticos que supuxesen unha ameaza para a saúde das persoas e para ambiente fosen retirados paulatinamente até 2004 (3). A empresa BASF solicitou a autorización para este cultivo como alimento humano e animal no ano 2005.
Amflora ten un maior contido en almidón e foi desenvolvida para uso en procesos industriais, pensos e fertilizantes. Contodo, as patacas convencionais non transxénicas dispoñibeis no mercado teñen case que o mesmo contido de almidón pero sen os xenes de resistencia a antibióticos, o cal demostra que a pataca transxénica é absolutramente innecesaria.
A cidadanía española, cansa de vivir no único país da UE cuxo Goberno tolera o cultivo de millo transxénico a grande escala, manifestarase o vindeiro 17 de abril en Madrid contra a política do ministerio do Medio Ambiente, Rural e Mariño. Con esta nova aprobación teñen aínda maior motivo para facelo, dado que España foi un dos únicos países da UE que apoiou esta pataca no proceso de autorización.
Notas:
(1) Organización Mundial da Saúde, Axencia Europea do Medicamento
(2) www.greenpeace.org/eu-unit/press-centre/press-releases2/EFSA-opinion-GM-potato-09-06-11
Cronoloxía do proceso de autorización da pataca modificada xeneticamente (en inglés)
Publicado no web da ASAP










