Estás aquíPor unha Política Agraria e Alimentar Común 2013 no marco da soberanía alimentar

Por unha Política Agraria e Alimentar Común 2013 no marco da soberanía alimentar


1. Responder aos retos europeus e mundiais
O ano 2009 amosounos a amplitude das dificuldades ás que se enfrontan @s agricultores/as europe@s. O sector leiteiro non é o único en crise, e os ingresos agrícolas caíron en case que todas partes. A PAC actual, así como a OMC que a enmarca, demostraron ser incapaces de resolver os problemas, agravándoos no seu lugar: as explotacións agrícolas desaparecen rapidamente, o paro aumenta máis e máis, a fame alcanza xa a mil millóns de persoas, o planeta quéntase, a biodiversidade desaparece, os efeitos negativos para a saúde dos modos de produción e consumo dominantes aumentan con rapidez...

A pesar de todo iso, a UE non parece disposta a mudar a política neoliberal que globalizou a nosa agricultura e a nosa alimentación. Tanto produtores como consumidores son os grandes perdedores, mentres aumentan os beneficios da agro-industria e as grandes distribuidoras. Se a UE non actúa, a agricultura europea correrá un serio perigo, o que suporía unha catástrofe social e ambiental: sen campesiñ@s, quen vai alimentar a poboación?. O fracaso de Copenhague demostra que os gobernos son miopes. Como agricultores/as europe@s que somos, necesitamos implicar ao maior número posible de aliados dentro da sociedade para defender unha nova politica agraria e alimentar. 2010 debe ser o ano dun amplo debate público dentro da UE para que sexan re-definidas as prioridades da política agrícola e alimentar máis aló do 2013, antes de que se decidan os orzamentos da UE para ese período.

  • Garantir o aceso ao alimento para tod@s é un reto a nivel mundial na actualidade e seráo durante as próximas décadas. A agricultura campesiña é recoñecida hoxe en día como a que mellor pode responder a este reto . Contodo, as políticas agrícolas e a OMC desaténdena, en beneficio das grandes explotacións globalizadas. O reto non é tecnolóxico, senón que se trata dunha cuestión de aceso á produción agrícola e de aceso ao alimento.
  • Responder ao reto do emprego: máis agricultores/as e mais emprego no medio rural para alimentar a Europa. Co paro en aumento por toda Europa, a UE non pode permitirse seguir a destruír as súas explotacións e os seus empregos rurais. Para manter aos/ás campesin@s e axudar a outr@s a se establecer, ha de se outorgar á produción agrícola o recoñecemento económico e social que perdeu coa PAC actual.
  • Diminuír o quecimento global e conservar ao biodiversidade. Débese cortar a industrialización da produción agrícola e gandeira. As prácticas agrícolas e as formas de produción que son favorabeis ao clima e á biodiversidade son ben coñecidas: polas en práctica supón romper co modelo actual.

2. Como responde a soberanía alimentar a estes retos?
A soberanía alimentar outorga aos pobos e á UE o direito a definir a súa política agrícola e alimentar a partir das necesidades da poboación e o seu ambiente, e non a partir das regras do comercio internacional inscritas na ideoloxía do libre comercio. Por exemplo, correspóndelle á UE prohibir o cultivo e a importación de OXMs se as súa ciudadanía non os quer, sen que a OMC o poda impedir. É a UE quen debe decidir pasar do actual déficit do 75% nas proteínas vexetais -para alimentar ao seu gando- á autonomía. Este é un paso totalmente realizábel coas nosas superficies agrícolas, e indispensábel dado o que está en xogo ambientalmente. Para iso, é necesario reavaliar o acordo da OMC de 1994.

A soberanía alimentar establece para a agricultura a prioridade de producir para alimentar á poboación, en lugar de producir para o comercio internacional. A UE, que se converteu no maior importador e á vez o principal exportador de produtos alimentares, debe xa que logo revisar a fundo as súas prioridades. Exportar leite en pó á vez que se importa soia para alimentar ás vacas, producir as nosas froitas e verduras -mesmo as ecolóxicas- en países do Sul porque a mao de obra alí é máis barata... todo iso arrástranos a unha rúa cega social e ambiental na que nos atopamos agora. A soberanía alimentar, pola contra, volve situar a produción agrícola perto dos consumidores.

A soberanía alimentar, ao situar ás campesiñas e campesiños nun rol central na alimentación da xente da súa rexión, outórgalles un sentido e unha lexitimidade social que a PAC actual a miúdo lles negou. A soberanía alimentar de feito oponse á concentración actual do «poder alimentar» en maos da industria e as grandes distribuidoras. Correspóndelle ao poder político, por exemplo á UE, regular a produción, os mercados e a distribución tendo en conta a todos os actores da cadea alimentar. Tamén é responsabilidade dos produtores e dos consumidores acurtar esta cadea, pondo en práctica fórmulas de comercialización máis directa, como xa se dan cada vez máis, que deberían ser fomentadas pola política agrícola e alimentar (PAAC). Han de se adaptar as normas sanitarias, hoxe industriais, dos produtos elaborados nas explotacións agrarias.

Non hai que se confundir: a soberanía alimentar non é autarquía, nin un feche da fronteiras. Tampouco se opón aos intercambios internacionais: cada rexión do mundo ten produtos específicos cos que pode comerciar; pero a seguridade alimentar é demasiado importante como para permitir que dependa das importacións. En cada rexión do mundo, a alimentación básica debe ser producida localmente, sempre que sexa posíbel. Cada rexión debe xa que logo ter o dereito a se protexer das importacións a baixo prezo que arruínen a súa propia produción.

A soberanía alimentar non só implica un direito, senón tamén un deber: o de non prexudicar ás economías agrícolas e alimentares doutras rexións do mundo. Todo dumping, é dicir, toda axuda que permita exportar a un prezo inferior ao custo de produción , débese prohibir. Isto debería aplicarse tanto ás axudas á exportación como aos pagamentos únicos, cando estes signifiquen vender ou exportar a un prezo inferior ao custo de produción.

A soberanía alimentar non só se ocupa de alimentar á poboación actual, senón tamén ás xeracións futuras, e xa que logo á conservación dos recursos naturais e o ambiente. É por iso que debe desenvolver modos de produción agrícola que diminúen as emisións de gases de efeito invernadoiro e favorecen a biodiversidade e a saúde. Diminuíndo a necesidade de transporte e mudando os modos de produción demasiado intensivos, abórdanse directamente os retos climáticos e ambientais.

Ao redor da soberanía alimentar poden coincidir en Europa quen traballan no cambio da política agrícola e alimentar, e quen traballan nunha re-localización do sistema alimentar. Esta dinámica poderá influenciar a orientación da futura política agrícola.

3. Unha nova PAAC que abra camiños ás actuais ruelas sen saída
Os nosos obxectivos:

  • Manter e desenvolver unha agricultura campesiña social e sustentábel que alimenta a poboación, preserva o ambiente, a saúde e manteña paisaxes rurais vivas. Para iso @s campesiñ@s deben poder vivir principalmente da venda dos seus produtos, grazas a uns prezos agrícolas estábeis e remuneradores. É unha condición indispensábel para o seu recoñecimento económico, e para así atraer á xente nova a esta profisión.
  • Reservar o apoio público aos métodos de produción e ás explotacións que son beneficiosas para o emprego e o ambiente.
  • Relocalizar o máis posíbel a alimentación e cortar o dominio da grande distribución e a industria sobre a cadea alimentar

As nosas prioridades:
1. renda, prezos agrícolas: prezos agrícolas remuneradores e estables implican:

  • o control da produción e a regulación dos mercados agrícolas, a transparencia ao longo de toda a cadea alimentar, e a limitación das marxes de beneficios da transformación e da distribución. Establécense prezos agrícolas mínimos para facer fronte aos excedentes de produción que poidan derivarse da variacións climáticas.
  • o dereito a protexerse das importacións a prezos baixos, incluídos os pensos animais, así como acabar co dumping para a exportación, con todas as súas formas actuais. O nivel variábel de protección arancelar debe estar ligado ao custo de produción europeu.
  • pagamentos directos, con máximos por activo agrícola, son outorgados por unha banda ás pequenas explotacións que xustifican un papel social e ambiental , e por outra banda ás explotacións sustentábeis das rexións desfavorecidas agro-climáticamente, que teñen gastos de produción máis elevados que as referencias elixidas no ponto precedente.
  • os asalariados agrícolas, europeus ou migrantes, benefícianse dos mesmos dereitos. Os Estados vense obrigados a fixar un salario mínimo.

2. ambiente:
Todas as explotacións deben respeitar normas de produción que economicen enerxía, insumos químicos, auga, emisións de carbono e que favorezan a biodiversidade e a saúde. Deben outorgarse primas ás explotacións que vaian máis aló das normas a nivel ambiental e social (p.ex. a pequena agroecoloxía). Por exemplo, as prácticas agronómicas que aumentan a taxa de materia orgánica no solo, que reteñen carbono e permiten a fertilidade a longo prazo deben promoverse e apoiarse. A investigación e a formación oriéntanse neste sentido.

3. Medidas a nivel europeu e nacional facilitan o aceso á terra e o establecemento, permitindo a un maior número de moz@s facerse campesiñ@s. A concentración e a urbanización das terras agrícolas córtanse.

4. Debe establecerse unha política de desenvolvimento rural que complemente as medidas anteriores. Tal política debe dar prioridade ao emprego rural, ao reequilibrio xeográfico das producións, ao comercio local e aos servizos de proximidade.

5. As regras actuais do comercio agrícola internacional deben cuestionarse. A Rolda de Doha da OMC e os acordos de "libre" comercio da UE con paises terceiros debe abandonarse. Imponse a necesidade dunha nova gobernanza alimentar mundial, con novas regras de comercio internacional, baseadas na soberanía alimentar e o direito ao alimento.

6. A produción ou importación de OXMs en agricultura e alimentación son prohibidos. A utilización, o intercambio e a reprodución de sementes campesiñas son fomentadas.

7. A UE deixa de apoiar o uso e o cultivo dos agrocombustíbeis industriais. A súa pegada enerxética é demasiado deficiente, e a súa produción compite coas superficies agrícolas dedicadas á alimentación. Si que se pode reforzar a autonomía enerxética das explotacións utilizando aceite puro obtido a través do prensado de plantas oleaxinosas cultivadas na mesma granxa ou na viciña. 

Publicado no web da Vía Campesina

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.