Estás aquíPor que deixamos as nosas granxas atrás para vir a Copenhagen

Por que deixamos as nosas granxas atrás para vir a Copenhagen


Discurso de Henry Saragih, Coordinador Xeral da Via Campesina

Apertura do Klimaforum, 7 de Decembro, Copenhagen.

Esta é unha noite moi especial na que nos unimos para a apertura da asemblea dos movementos sociais e da sociedade civil no Klimaforum. Nós, o movimento campesiño internacional Via Campesina, chegamos a Copenhagen desde as cinco esquinas do planeta, abandonando as nosas terras, o noso gando, os nosos bosques, e tamén as nosas familias nos poboados e pobos dos que vimos para unirnos a todos vós.

Por que é tan importante para nós vir até aquí? Existe mais dunha razón. Primeiro para dicirvos que a mudanza climática xa está a ter un impacto directo sobre nós. Tróuxonos inundacións, secas e brotes de pestes que están a acabar coas nosas colleitas. Hei de resaltar que o fallo das nosas colleitas non é algo que sexa producido polo campesiñado. Non, senón que son os diferentes axentes contaminantes cuxas emisións destrúen os ciclos naturais. Deste xeito, nós, os campesiños e campesiñas e as e os agricultores de pequena escala viñemos aquí para dicir que nós non imos pagar polos seus erros. E estamos aquí para pedir aos responsabeis das emisións que aceiten as súas responsabilidades.

En segundo lugar, gustaríame compartir convosco algúns factores sobre quen son en realidade os que emiten gases con efeito invernadoiro de orixe agrícola: os novos dados recentemente publicados mostran claramente que son a agricultura industrial e o sistema alimentar globalizado os responsabeis de entre o 44 e o 57% do total das emisións de gases con efecto invernadoiro. Estes números pódense desglosar como segue: (i) As actividades agrícolas son responsabeis do 11 ao 15%; (ii) A roza e a deforestación causan un 15 ao 18% adicional; (iii) O procesado dos alimentos, empaquetado e o transporte causan dun 15 ao 20%; e (iv) A descomposición dos residuos orgánicos causan outro 3 ao 4%. O que significa que o noso sistema alimentar actual é o maior contaminante.

A cuestión á que agora habemos de responder é a seguinte: como solucionamos este caos climático e de fame e aseguramos unha calidade de vida mellor para os campesiños e campesiñas, cando todo o sector agrícola en si mesmo está a contribuír con máis da metade do total das emisións? Nós cremos que é o modelo industrial e o do agro-negocio o que está na raíz do problema xa que as percentaxes mencionadas anteriormente veñen da deforestación e a conversión dos bosques naturais en plantacións de monocultivos, todo iso levado acabo polas Corporacións de Agro-negocios. Non por producións agrícolas familiares. Semellantes emisións de metano en agricultura débense tamén ao uso de urea como fertilizante petroquímico durante a Revolución Verde, masivamente apoiada polo Banco Mundial. Ao mesmo tempo, a liberalización do mercado agrícola promovido polos tratados de libre comercio (TLC) e pola Organización Mundial do Comercio (OMC) está, igualmente, contribuíndo ás emisións de gases con efeito invernadoiro debido ao procesado dos alimentos e o transporte destes ao longo e largo do planeta.

Se sinceramente queremos atallar a crise da mudanza climática, o único xeito existente é deter a agricultura industrial. Os agro-negocios non só contribuíron enormemente a esta crise climática, senón que tamén masacraron aos e as campesiñas e pequenos agricultores do mundo. Millóns de campesiñas, mulleres e homes de todo o planeta, foron expulsos das súas terras. Millóns tamén son vítimas, en miles de formas diferentes, de violencia cada ano porque as súas terras están en zonas de conflito en Africa, Asia e América Latina. Os e as campesiñas e os xornaleiros supoñen a imensa maioría do máis dun millón de persoas que sofren fame no mundo. E é debido ao libre comercio que moitos campesiños se suicidaron no Sul de Asia. Por todo isto, o fin da agricultura industrial é o único camiño cara a diante.

Traerán as actuais negociacións sobre o clima, baseadas en mecanismos comerciais sobre o carbono, algunha solución á  mudanza climática? A isto, nós dicimos que estes mecanismos de comercio sobre o carbono servirá só aos países e compañías contaminantes, e só traerá desastres aos campesiños e ás xentes indíxenas dos países en desenvolvimento. A iniciativa REDD (Redución de Emisións da Deforestación e a Degradación, polas súas siglas en inglés) xa expulsou das súas terras a moitos indíxenas e a pequenos produtores nos países en desenvolvemento. E mais terras de cultivo están a ser convertidas en plantacións de árbores para atraer así máis créditos de carbono.

Na COP 13 en Bali 2007, A Via Campesina propuxo a solución dos sen terra e os pequenos campesiños para a mudanza climática: “Os campesiños de pequena escala, sustentábeis, están a arrefriar o planeta”. E aquí, no COP 15, queremos traer de novo esta proposta, apoiada polas cifras que demostran que podería reducir en máis da metade as emisións de gases con efecto invernadoiro. Estas cifras recóllense de: (i) Recuperando a materia orgánica no solo reduciríanse as emisións nun 20 ao 35%; (ii) Revertendo a concentración da produción cárnica en producións-fábricas e reintegrando a produción conxunta de colleitas e gando reduciría as emisións nun 5 ao 9%; (iii) Situando os mercados locais e os alimentos frescos no centro do sistema alimentar reduciríanse noutro 5 ao 9%; e (iv) Detendo a roza e a deforestación, eliminaríanse entre o 15 e o 18% das emisións. En resumo, extraendo a agricultura dos grandes agro-negocios corporativos e devolvéndoa aos campesiños e campesiñas, podemos reducir á metade a emisión total de gases de efeito invernadoiro. Isto é o que nós propomos, e chámase Soberanía Alimentar.

E para conseguir isto, necesitamos que os movimentos sociais traballen en conxunto e loiten xuntos para pór fin ás solucións hipócritas actuais que están hoxe sobre a mesa de negociación sobre a mudanza  climática. Isto é unha condición sinecuanon. Doutro xeito enfrontarémonos a unha traxedia moito maior de escala mundial. Nós, como movimentos sociais, habemos de situar a nosa axenda sobre a mesa, por que nós somos as principais vítimas climáticas e os primeiros refuxiados climáticos, e por isto é que a xustiza climática está nas nosas mans.

Na Conferencia sobre Alimentación da FAO en 1996, os gobernos comprometéronse a reducir a fame á metade para 2015. A realidade é que recentemente, o número de famentos no mundo aumentou drasticamente. Non queremos que poida ocorrer o mesmo coas conferencias sobre o clima e ver como as emisións aumentan aínda máis independentemente do que os gobernos negocien dentro do Foro de Nacións Unidas sobre a Crise da Mudanza Climática.

Queremos convidar a todos os movimentos presentes en Copenhagen a se unir para pór conxuntamente a xustiza climática sobre a mesa. A xustiza climática só será alcanzada a través da solidariedade e a xustiza social.

Copenhagen, 7 de Decembro de 2009.