Estás aquíOs países do G8 demostran total falta de vontade política para afrontar a crise alimentar global
Os países do G8 demostran total falta de vontade política para afrontar a crise alimentar global
A evidente ausencia dos xefes de estado dos países do G8 durante o Cume Mundial de Seguranza Alimentar, sostida en Roma entre o 16 e o 18 de novembro, foi unha das causas principais do fracaso total deste cume. Non se tomaron medidas concretas para erradicar a fame, deter a especulación sobre os alimentos ou frear a expansión dos agrocombustibeis. Non se adoptou nengún tipo de medida para evitar os efeitos devastadores da agricultura corporativa industrial ou para apoiar á produción local campesiña.
O cume demostrou que non lle interesaba tomar o desafío dun cambio radical e desesperadamente necesario dentro das políticas alimentares e agrícolas, garantindo o aceso e o control por parte de campesiños e pequenos agricultores, homes e mulleres, sobre os recursos produtivos a través dunha auténtica reforma agraria. A ausencia dos xefes de estado do G8 permite ver unha tremenda falta de responsabilidade para resolver esta cada vez máis profunda crise da fame.
A Vía Campesina esixe maior investimento dentro das políticas públicas baseadas na soberanía alimentar que promove a agricultura e a produción de alimentos a pequena escala. Debe priorizarse o apoio a aquelas persoas que producen alimentos dun xeito sustentábeL para as comunidades locais, en lugar de favorecer os cultivos de exportación, os agrocombustíbeis ou tecnoloxías como os transxénicos, impulsados polas corporacións transnacionais. A agricultura debe excluírse de calquera acordo de libre comercio para permitir aos países protexer de xeito efectivo a súa libre produción local alimentar.
A Vía Campesina apoia firmemente o reformado Comité da FAO de Seguranza Alimentar Mundial (CFS). Contrariamente aos mecanismos establecidos ao exterior do sistema das Nacións Unidas, polo menos este espazo respeita a regra básica da democracia, isto é, o principio de “un país, un voto” e outorga un novo espazo á Sociedade Civil. Todos os fundos que se dispoñan para apoiar solucións para a crise alimentar deben ser postos baixo a responsabilidade do renovado CFS. Embora, en lugar de demostrar o seu apoio pleno ao CFS, os países do G8 optaron por establecer un fondo fiduciario baixo o control do Banco Mundial. Unha proposta proveniente desta institución suxire que o uso destes fundos debe ser decidido por un comité de doadores composto polos mesmos países doadores, o coordenador do Grupo de Tarefas de Alto Nivel e o director de xestión do Banco Mundial. Na práctica, isto significa que dúas burócratas xunto cos países doadores serán os encargados de decidir onde debe ir o diñeiro. Isto demóstranos unha escandalosa falta de transparencia e democracia, totalmente oposta á retórica expresada polo Grupo de Tarefas de Alto Nivel e do Banco Mundial sobre estes temas.
De xeito xeral, as políticas do Banco Mundial, xunto coas da OMC e o FMI, contribuíron de forma crescente á destrución da seguranza alimentar a nivel global. Non podemos esperar que sexan estas institucións quen acheguen as solucións.
A Vía Campesina sostén que chegou o momento no que ditas institucións recoñezan os seus enormes fracasos e deixen a tarefa en mans doutros actores. A Vía Campesina xunto con moitos outros movimentos sociais e ONGs están a propor solucións e están a ser actores principais dentro deste crucial proceso de mudanza. Esiximos aos nosos gobernos que nos permitan a plena participación na definición de políticas e esperamos o seu apoio dentro deste proceso. Os gobernos deben de se comprometer a pór en marcha políticas efectivas na erradicación da fame nas nosas sociedades do xeito máis rápido posíbel.
Publicado no web da Via Campesina









