Estás aquíA construción da soberanía alimentar radica na democratización da toma de decisións

A construción da soberanía alimentar radica na democratización da toma de decisións


A apertura do Foro contou onte 13 de novembro de 2009 coa presenza de Oliver de Schutter, Relator Especial das Nacións Unidas para o Dereito á Alimentación. Olivier presentou con optimismo a nova arquitectura da gobernanza fronte ao problema doa fame no mundo, que toma ao Comité de Seguranza Alimentar (CSA) como figura central.

A reforma do CSA permitirá superar a falta de coordenación que se detectou nos anos pasados entre os diferentes actores, mantendo o control das decisións nos Gobernos dos Estados, e xa que logo, no esquema un país un voto. O novo CSA deberá marcar directrices claras nas que poderán participar -e esta é a grande novidade- a sociedade civil, o sector privado e as outras entidades internacionais. Por iso Oliver advertiu diante do Foro da sociedade civil a necesidade de manterse constantemente alerta, para que as directrices políticas APROBADAS sexan despois aplicadas. Neste sentido o Relator fixo fincapé en que a xestión dos fundos financeiros recaerá maioritariamente no Banco Mundial, o que nos amosa xa unha total falta de conexión entre quen marca as directrices e quen despois as poderá executar. Sendo precisamente o Banco Mundial que co seu impulso ás políticas neoliberais xerou tanta pobreza no mundo, especialmente no sector rural

Se un elemento hai que destacar, explicou Olivier, dos erros dos últimos 25 anos foi precisamente a marginalización dos pequenos produtores e produtoras, dos pescadores e pescadoras artesanais, das mulleres e mozos rurais, dos traballadores e traballadoras rurais, dos pastores, dos pobos indíxenas… A construción da Soberanía Alimentar radica na democratización da toma de decisións nos procesos que afectan ao mundo campesiño e rural. Na medida en que estes espazos se abran, como el espera, requirirase un esforzo da sociedade civil para organizarse e participar, aínda que a construción dun Foro plural, como este no que estamos a participar, demostra que existe a vontade e a capacidade de o levar a cabo.

Antes de dar quenda a un diálogo cos participantes do Foro, Olivier trasladou que necesita a información de primeira mao das persoas que producen os alimentos para poder desenvolver o seu papel de “revelar verdades incomodas”. O auditorio serviulle en bandexa, a continuación, un bo número destas verdades.

Ao finalizar o encontro co Relator, a maioría de participantes do Foro asistimos a unha cerimonia inusual. Nun dos sete outeiros de Roma, actualmente a praza do Campidoglio, representantes de diferentes pobos indíxenas, nunha cerimonia común, invocaron á Nai Terra, aos antepasados e aos criadores a sabedoría necesaria para “sandar” a nosa Terra, a Terra dos nosos descendentes. Nunha esquina, o Subdirector da FAO e o Presidente do Consello Municipal de Roma seguían atentos a mística.

Publicado no web da Via Campesina

Etiquetas