Estás aquí13-17 de Novembro: Foro paralelo ao cume da FAO (Roma)

13-17 de Novembro: Foro paralelo ao cume da FAO (Roma)


Paremos a crise, mudemos o sistema alimentar!

Do 13 ao 17 de novembro reuniranse en Roma máis de 400 delegados (o número dependerá da dispoñibilidade de fundos[1]) de 70 países diferentes en representación de organizacións de pequenos produtores de alimentos, organizacións de agricultores, pescadores, pobos indíxenas, traballadores rurais e da alimentación, mocidade rural, mulleres e grupos transhumantes, ademais de habitantes de cidades afectados pola inseguranza alimentar e ONG, con motivo dunha iniciativa paralela ao Cume Mundial sobre Seguranza Alimentar organizado pola FAO. O Foro pola Soberanía Alimentar dos Pobos 2009 está auspiciado por un Comité de Pilotaxe Internacional (CPI) formado por diversas Organizacións da Sociedade Civil (OSC) que representan aos produtores de alimentos e aos pobos afectados.

No Cume Mundial sobre a Alimentación de 1996, cando se calculaba que uns 830 millóns de persoas pasaban fame, os gobernos comprometéronse a reducir este número á metade para 2015. Hoxe, en 2009, hai máis de mil millóns de persoas malnutridas, o número máis alto en catro décadas.

O mundo en que vivimos enfróntase a unha crise estrutural de múltiples frontes. As crise climática, enerxética, financeira e económica empioran aínda máis a persistente crise alimentar; sendo sobre todo esta última a que máis ondas de protestas desencadeou en decenas de países. O cal demostra claramente como o acceso equitativo á comida é esencial para o ben-estar da xente, a xustiza social e a democracia.

O Foro continuará o seu traballo por un sistema de gobernanza dos sistemas alimentares baseado nos direitos humanos, labor comezado no Foro das OSC en Roma en 1996. Debateranse distintos temas para definir un plano de acción global das OSC, incluíndo: relación entre poboación rural e urbana e métodos sustentábeis para garantir o aceso á comida; mudanza climática e modelos de produción que arrefríen o planeta e reduzan a vulnerabilidade dos pobos fronte ás variacións do clima así como o aceso aos recursos naturais, a apropiación de terras e o dereito igualitario á terra para homes e mulleres.

A situación actual non é o resultado dunha repentina mudanza natural, senón o froito de décadas de políticas nefastas. O Foro pola Soberanía Alimentar dos Pobos pretende un cambio nas políticas agrarias e de alimentación dominantes grazas á análise das causas primarias do fame e a malnutrición; e mediante a presentación de propostas xurdidas de anos de resistencia dos pequenos produtores de alimentos e os pobres das cidades. Non hai solución para as múltiples crises do mundo mentres a sociedade civil non teña un papel protagonista e non exista un diálogo cos gobernos.

O Comité de Pilotaxe Internacional do Foro é o responsábel da organización.

[1] Co apoio da NORAD  (Axencia Norueguesa para a Cooperación ao Desenvolvimento), Concello de Roma, FIDA, Generalitat de Catalunya, SDC (Cooperación ao Desenvolvemento Suíza), Goberno do Brasil, Bröt fur Alle, Action Aid International, EED, Oxfam International e o autofinanciamento dos movementos sociais.

Publicado no web do Foro pola Soberanía Alimentar dos Pobos, Roma 2009