Estás aquíUnha alianza para a Soberanía Alimentar

Unha alianza para a Soberanía Alimentar


Poden ser muitas as cousas que consideramos importantes para as nosas vidas, pero só unhas poucas son imprescindíbeis para (sobre)vivir, unha delas é a alimentación.

O Direito á Alimentación fai parte da Declaración Universal dos Direitos Humanos, aprobada en 1948; o primeiro dos Obxectivos de Desenvolvimento do Milenio aspira a reducir á metade, para 2015, o número de persoas que pasan fame; producimos alimentos suficientes para toda a humanidade… e a pesar disto seguen a ser centos de millóns de persoas, mulleres na súa maioría, as que padecen fame e desnutrición no mundo. As máis destas persoas viven en contornos rurais, por paradoxal que poda semellar. Non estamos perante un problema de capacidade de produción, senón de aceso a recursos para garantir o direito de labregos e labregas a producir os alimentos básicos. A este problema debemos engadir a nosa escasa capacidade de decisión sobre os alimentos que consumimos: o aceso a alimentos saudábeis é, as máis das veces, imposíbel.

As consecuencias do modelo industrial

A industrialización da produción de alimentos e a destrución ambiental expulsou e segue a expulsar habitantes do medio rural cara os núcleos urbanos, chegando a formar megalópoles con imensas bolsas de pobreza e graves problemas de degradación ambiental. Cada vez son máis os seres humanos que non producen ou capturan os seus propios alimentos, nunca a humanidade fora tan urbana.

O aceso aos recursos é cada vez máis limitado, terratenentes e grandes empresas transnacionais, favorecidos por políticas neoliberais, teñen un crescente control sobre a terra, a auga, as sementes e o mar. O modelo industrial imponse tamén no campo dos saberes: séculos de aprendizaxe e transmisión de coñecimentos son desprezados e perdidos, reforzando a situación de dependencia de quen aínda traballa a terra con respeito a unhas empresas que cada día acumulan máis poder sobre persoas e pobos.

Quen facemos parte das minorías privilexiadas globais vivimos a ficción de termos garantido o abastecimento de todos os alimentos que necesitamos (e máis). O sistema de produción/estracción e distribución industrial permítenos aceder a alimentos de calquer lugar do planeta e á marxe dos ciclos da terra. En realidade, os alimentos aos que temos aceso son cada vez menos variados, menos nutritivos, menos saudábeis e menos seguros, e a garantía de abastecimento é cada vez menor. A fin de contas, o obxectivo deste sistema non é alimentar á humanidade senón enriquecer a unhas poucas empresas e persoas, porque todo é percebido como unha mercadoría: a nosa saúde, o ambiente, os alimentos… as persoas.

A agricultura, gandaría, pesca e acuicultura industriais -e o industrialismo no seu conxunto-, impulsadas por políticas públicas a todos os niveis, desde o global (OMC, FMI, BM) ao local, e apoiadas nuns hábitos de consumo irresponsábeis, xeran fame e desnutrición, xogan coa nosa saúde, comprometen a alimentación do conxunto da humanidade e son parte importante da crise ecolóxica global que estamos a vivir: polúen terra, auga e ar; esgotan recursos; empobrecen a biodiversidade; son fonte de cambio climático; liberan tóxicos e transxénicos; favorecen a expansión de pragas e enfermidades… E, por se isto non era abondo, avanzan en non poucas ocasións da mao da violencia física dirixida por terratenentes, transnacionais e gobernos.

O industrialismo -tamén na súa forma de globalización neoliberal ou capitalista- despreza tanto ás poboacións labregas e indíxenas como a produción artesanal e a pequena escala de alimentos, e está a fabricar unha crise alimentar global, deixando indefensa frente a ela a unha humanidade que supera xa os 6.500 millóns de persoas. O sistema industrial de produción/extracción e distribución de alimentos, como o industrialismo no seu conxunto, ten unha forte carga (auto)destrutiva, pola lóxica depredadora que o impulsa, mais tamén pola súa grande dependencia do petróleo. O ouro negro está na base da mecanización, da agroquímica e das cadeas de distribución global, pero é un recurso non renovábel, e o seu esgotamento achégase, precedido por un rápido encarecimento.

Tamén ten a ver con Galiza

Galiza non é allea ás causas e consecuencias do sistema de produción/estracción e distribución industrial de alimentos. Como periferia que é do Estado español e da Unión Europea, Galiza tivo, até hai unhas décadas, unha grande poboación rural e unha economía na que o sector primario contaba cun peso salientábel. Tanto a agricultura e gandaría familiares como a pesca e marisqueo artesanais alimentaban directamente e empregaban a boa parte da poboación.

As políticas industrialistas -desenvolvimentistas primeiro, neoliberais despois, se nos limitamos á segunda metade do século XX e comezos do XXI, como a PAC)- provocaron un rápido abandono do medio rural, que viu esmorecer a súa actividade e marchar á súa poboación cara as cidades, galegas e doutros países. Así, hoxe Galiza perde superficie agraria útil, olla o seu rural desertizarse e envellecer mentres o eixo urbano Ferrol-Vigo reúne ao groso da poboación, atopándose estes fenómenos na orixe de non poucos problemas ambientais. A isto debemos engadir unha política de ordenamento territorial que fai avanzar continuamente a artificialización e empobrecimento de solos ao tempo que degrada ríos, rías e litoral.

Galiza é periferia, e ten as súas periferias internas, mais contodo é parte da UE, un dos centros económicos e políticos globais. Somos parte da minoría privilexiada do mundo. O noso rural esmorece por mor das políticas industrialistas, mais tamén polos hábitos de consumo que desenvolvemos. Esas mesmas políticas -apoiadas polos nosos gobernos-, e eses mesmos hábitos de consumo nosos, xunto coas prácticas de empresas transnacionais -algunhas de matriz galega-, xeran pobreza, desnutrición, fame, desprazamentos -e mesmo eliminación física- de poboacións rurais e indíxenas, destrución ambiental… nas periferias globais.

A Soberanía Alimentar como alternativa

En 1996, coincidindo coa Cimeira Mundial sobre a Alimentación, Vía Campesina apresentou globalmente a alternativa que viña deseñando desde a súa constitución en 1993: a Soberanía Alimentar. Co paso do tempo a definición foi completada e mellorada, e en Febreiro de 2007, en Sélingué (Mali), no Foro de Nyéléni, a Soberanía Alimentar foi descrita como “o direito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente apropiados, acesíbeis, producidos de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu direito a decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo”.

Galiza, como parte da minoría global privilexiada que é, non padece problemas de abastecimento de alimentos para a súa poboación, pero non por iso goza de Soberanía Alimentar. A nosa capacidade para decidir os alimentos que producimos e consumimos é cada vez menor, porque o noso rural esmorece; porque estamos a desertizar a nosa terra, ríos e mar; e porque dependemos do sistema industrial. Ao mesmo tempo, somos fonte de erosión da Soberanía Alimentar doutros pobos.

Avanzando na nosa Soberanía Alimentar construiremos unha Galiza cun rural vivo, máis ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusta, cunha menor pegada e débeda ecolóxica. A construción e garantía da Soberanía Alimentar do pobo galego, ademais, debe ser compatíbel coa dos demais pobos do mundo.

As organizacións que asinamos este documento, compartimos, desde diferentes ámbitos de actuación e perspectivas, a defensa da Soberanía Alimentar dos pobos. Seguindo o mandado do Foro Mundial para a Soberanía Alimentar (Nyéléni 2007) decidimos forxar unha alianza co obxectivo de dar a coñecer, construír e defender a Soberanía Alimentar dos pobos en e desde Galiza, cos pés na terra e cunha ollada global, colaborando con iniciativas similares existentes noutros países, sen descartar a integración en alianzas ou plataformas supranacionais.

Porque podemos vivir sen devorar o planeta e o futuro.

Porque temos direito a decidir qué alimentos producir e consumir.

Porque as xentes que traballan a terra e o mar teñen direito a producir os alimentos básicos.

Porque alimentar o país é máis importante que exportar e elaborar combustíbeis.

Porque acabar coa fame e a desnutrición é posíbel, superando o industrialismo.

É a hora da Soberanía Alimentar!

Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos

Amarante

A Cova da Terra

Eirado

Emaus

Fundación Galicia Verde

Panxea

Semente

Sindicato Labrego Galego

Verdegaia

Veterinarios Sen Fronteiras